Ciclo de Born-Haber

O ciclo de Born-Haber é un ciclo de reaccións químicas desenvolvido nun principio por Max Born e o químico alemán Fritz Haber en 1917.

O ciclo de Born-Haber comprende a formación dun composto iónico dende a reacción dun metal (normalmente un elemento do grupo 1 ou 2) cun non metal (como halóxenos, osíxeno etc.). Os ciclos de Born-Haber empréganse principalmente como medio para calcular a enerxía de rede ou enerxía reticular, que non pode ser calculada directamente.

A enerxía reticular está directamente involucrada na formación de compostos iónicos a partir de ións gasosos. Algúns químicos defínena como a enerxía que se desprende cando se forma un mol dunha substancia iónica a partir dos ións constituíntes inicialmente separados (estado gasoso), outros como a enerxía necesaria para romper un mol dunha substancia iónica e obter os ións constituíntes separados. A primeira definición implica unha reacción exotérmica e a segunda unha reacción endotérmica.

Un ciclo de Born-Haber calcula a enerxía reticular comparando a entalpía estándar de formación do composto iónico coas entalpías correspondentes ós pasos necesarios para facer ións gasosos a partir dos elementos. Esta é unha aplicación da Lei de Hess.

Para facer ións gasosos de elementos é necesario convertelos en gas, disocialos se é preciso e ionizalos. Se o elemento é unha molécula haberá que ter en conta a súa entalpía de disociación. A enerxía necesaria para arrancar un electrón e formar un catión é a enerxía de ionización, mentres que a necesaria para engadilo e formar un anión é a afinidade electrónica.


Developed by StudentB